miércoles, 25 de mayo de 2011

O conto da miña infancia, o conto de don Avelino e a morte

Si quieres leer la versión en castellano pincha aquí e introduce la contraseña 1234

Dase o caso de que un día volvendo don Avelino la feira atopouse con dous homes que ben se vía, eran forasteiros. Un moi vello e o outro cunha poblada barba branca. Parecía que viñan dende moi lonxe polo fatigado do seu aspecto. Don Avelino compadeceuse daqueles dous malpocados e achegándose dixolles:

-Bos homes, se imos na mesma dirección poden subir no meu burro. Tiven boa sorte, vendín todo o que levaba na feira e agora o burro non trae carga. Anden, veñan!!

Acercáronse amigablemente e o máis vello montou no burro. Despois dun bo anaco de camiño chegaron a aldea onde vivía don Avelino.

-Ata aquí lles podo axudar bos amigos. Eu e mailo meu burro quedamos aquí.
-Moitas gracias bo home. Axudounos desinteresadamente. E como pago direille que eu son San Pedro-explicou o home das barbas.
-E eu son o mesmísimo Deus- afirmou o outro mentres baixaba do burro-. En vista da súa boa vontade concedereille tres desexos. Penseos ben.

Avelino, tras cavilar uns minutos exclamou 'teñoo'.

-Verá Deus Meu Señor. Eu teño unha figueira ao lado da porta da casa. Levo anos sen poder comerlle un so froito. Novos e vellos róubanmos todos. Quero que aquel que suba non poida baixar ata que eu llo diga.
-Así será-respostou Deus.
-E tamén o pé da casa, á sombra da figueira, hai un banquiño de pedra. Como presta aquela sombra as noitiñas de verán!! Pero sempre está ocupado. Como castigo, quen sente aí que non poida erguerse ata que eu llo permita.
-Así será.
-Pero se hai algo que verdadeiramente me molesta é estar sentado nun sitio e que dun xeito ou outro acaben botándome del. Polo tanto, quero que ninguén poida levantarme de onde eu me sente.
-Así será!

E deste xeito cada un seguíu co seu rumbo. Pasaron os dias, os meses, os anos e don Avelino non fixera uso dos seus desexos. Ata que unha tarde de finais de setembro recibíu unha visita inesperada. A morte.

-Don Avelino, chegoulle a hora. Temos que marchar.
-Así, sen máis?
-Nunca oíu iso de que a morte chega sen avisar?

O home quedou uns segundos en silencio, entre desgustado e pensativo, e finalmente resolveu.

-Que lle imos facer! Polo menos déixeme unha última licencia, despedirme da familia. Mentres, se quere pode subir á figueira e coller uns figos.

A morte aceptou, pero cando quixo baixar, non puido. Pasaron meses e meses, ata que un día Avelino, canso de ver á morte, permitiulle baixar. Non contou que nuns días a morte volvese, para levalo si ou si.

-Desta vez temos que marchar don Avelino
-Déixeme que mude os zapatos, non sei eu como é aquilo do outro mundo e quero levar os zapatos dos domingos. Sentemos aquí neste banquiño para poder polos.

E alí volveou quedar a morte, como pegado a lousa, ata que don Avelino, pensando que a morte desistiría de levalo, deixouna marchar. Pero non. Volveu o día seguinte. E esta vez a morte non baixou a garda en ningún momento. Deixaron o mundo dos vivos para pasar ao dos mortos.

Trala longa travesía alí estaba don Avelino ás portas do ceo, vendo de novo a San Pedro.

-Don Avelino, vostede foi moi xeneroso e levou unha boa vida, pero todo home ten algún pecado, así que antes de entrar no ceo terá que expialos no purgatorio.
-O que!! Despois dunha vida chea de traballo non entrarei o ceo, pero aquí me sento e ninguén podrá levantarme

E sentou nun daqueles chanzos que conducía ao paraiso. Parece ser que alí continúa a día de hoxe, aínda que ninguén dos que para aló marchou volveu para contalo.

lunes, 23 de mayo de 2011

Son ou somos españois?

Si quieres leer la versión en español pincha aquí e introduce la contraseña 1234

Malia o que poida parecer esta entrada non pretende analizar os sentimentos nacionais. Máis ben busca reflexionar sobre como reaccionamos ante as consecuencias dos nosos propios actos. Non se refire a ninguén en particular e fala de todos en xeral o mesmo tempo. “Ao fin os españois espertamos e empezamos a movilizarnos”. Seguro que ducias e ducias de persoas repetiron esta mesma frase cando se referían o movemento 15M (movemento co que estou totalmente a favor mentres continúe nesta liña), puidesen ou non participar activamente nas concentracións. Pola contra, dende que onte empezaron a coñecerse os resultados das eleccións municipais e autonómicas unicamente se escoitaba “España así non vai a ningures” “Este país é do que non hai”...
Vaia! Como se fose cousa de meigas deixamos de incluírnos nas accións colectivas das que somos responsables. Pode que non todos votasen a opción que resultou'''''gañadora''''', pero tampouco todos estiveron presentes nas acampadas. Porén nesta ocasión moi moi poucos dixeron “Os españois teremos o que nos merecemos” (e emprego o termo español por non centralo nun municipio ou nunca comunidade)

A onde quero chegar? Pois a que non debemos sumarnos ao que consideramos positivo e afastarnos do que nos parece negativo ( e non estou valorando persoalmente os resultados). Como escoitei onte acudindo ás reaccións dos partidos tralo escrutinio “o pobo é quen máis manda” ou así debería ser. Por iso deberíamos considerarnos 'responsables' duns resultados acadados como sociedade, considerémolos mellor ou peor. So asi poderemos reclamar esa mesma responsabilidade aos demais.

Non sei se perderon uns, ganaron outros, iso xa se encargaron de analizalo os “grandes medios” con gráficos en 3D e non sei cantas cousas máis. Eu prefiro ir día a día valorando a acción dos que dicen serán os nosos representantes. Espero que ninguén se sinta xulgado, so dou unha visión, igual que se alguén quere pode valorar ou opinar sobre o meu punto de vista :)

miércoles, 18 de mayo de 2011

Internet, ese marabilloso, ehmm...

Si quieres leer esto en español pincha aquí e introduce la contraseña 1234

Hoxe, mira por onde, tamén é o Día Mundial da Internet (feito do que se falou bastante máis nos medios estatais ca das Letras Galegas) E mira por onde, abro un blog despois de tanto tempo en contacto ca rede, familiarizándome con termos como blog, hiperespazo, ligazón e de rir ca pronunciación que algúns lle daban. Cal é o motivo? Pois deixar de desaproveitar esta ferramenta, un sistema co cal podo expoñer as miñas libres opinións, sen máis pretensións.

Non hai arrogancia, nin pretensión de ser seguida, so quero poder plasmar as miñas argumentacións e opinións daquelo que me pareceza reseñable.

E se chegase a ollos de alguén, aquí podese opinar, valorar, comentar, suxerir... pero non xulgar :)

Isto é todo, aquí estou na Internet, ese marabilloso.... ehmmm, non sabería como definilo, pero dende logo algo marabilloso, debe de ser cousa de meigas.

martes, 17 de mayo de 2011

De Rosalía a Lois Pereiro, as Letras Galegas

Si quieres leer la versión en castellano pincha aquí e introduce la contraseña 1234

Creo que non hai mellor día para inaugurar un blog que o Día das Letras Galegas. Cada 17 de maio dende o 1963 homenaxéase a un autor que, ca súa actividade, traballou pola lingua galega. Neste 2011 a Real Academia Galega escolleu a Lois Pereiro como representante de produción literaria na lingua propia de Galicia (art.5º). Pero dende Rosalía de Castro a Lois Pereiro non so se trata de resalta unha figura en concreto, senón de honrar un idioma e unha cultura ben rica, tan rica que debe ser recoñecida os 365 días do ano, non so os 17 de maio.

Nin os costumes, a lingua, a cultura, as tradicións, en definitiva, a identidade galega correron moita sorte o longo da historía recente. Sabémolo. Agora estamos no momento de darlle a posición que se merece, sen agresións nin animadversións cara ningún outro idioma ou cultura, so buscando que alcance o estatus que se merece e que lle ten sido negado.


Non ten nada que ver con política, so con sentirse orgulloso do que se é, como un andaluz ten que sentirse orgulloso da súa orixe e da súa tradicón, ou un manchego, ou un leonés. Non ten nada que ver con 'odio', precisamente foi o odio o que nos levou a situacións de dominantes e dominados. Tampouco ten que ver con discriminar. So ten que ver con poder escoller e aprobeitar a diversidade. Non ten que ver nada con discusións sobre 'España, Galicia, Estado, Nación, País...' Simplemente ten que ver con ter liberdade, co respecto e con acadar a igualdade.

Hoxe é o día da lingua, pero non o día de falar galego porque 'hoxe vou falar galego' ou de que os xornais muden as súas portadas de idioma porque 'estamos a tope co galego'. Non. É o día de lembrar que todos os días temos que ser conscientes dos valores de Galicia. E se un serbio o fai na súa lingua, un madrileño que o faga en español e que un galego no que escolla, pero que o fagan.

Se alguén pensa que, 'cos problemas que hai a día de hoxe esto son cativeces' debería pensar na importancia de defender o que un é, non so o que un ten. E, aínda que pareza cousa de meigas, eu tamén son 'Letras Galegas' porque, ademais de disfrutar e de recoñecer a obra galega, do mesmo xeito que a do resto de España que merece a pena, a miña elección libre é empregar como primeira lingua o galego. Igual que sobre esta entrada, pódese opinar, valorar, suxerir, sobre a miña elección. Pero non xulgar, e moito menos infravalorar.