miércoles, 25 de mayo de 2011

O conto da miña infancia, o conto de don Avelino e a morte

Si quieres leer la versión en castellano pincha aquí e introduce la contraseña 1234

Dase o caso de que un día volvendo don Avelino la feira atopouse con dous homes que ben se vía, eran forasteiros. Un moi vello e o outro cunha poblada barba branca. Parecía que viñan dende moi lonxe polo fatigado do seu aspecto. Don Avelino compadeceuse daqueles dous malpocados e achegándose dixolles:

-Bos homes, se imos na mesma dirección poden subir no meu burro. Tiven boa sorte, vendín todo o que levaba na feira e agora o burro non trae carga. Anden, veñan!!

Acercáronse amigablemente e o máis vello montou no burro. Despois dun bo anaco de camiño chegaron a aldea onde vivía don Avelino.

-Ata aquí lles podo axudar bos amigos. Eu e mailo meu burro quedamos aquí.
-Moitas gracias bo home. Axudounos desinteresadamente. E como pago direille que eu son San Pedro-explicou o home das barbas.
-E eu son o mesmísimo Deus- afirmou o outro mentres baixaba do burro-. En vista da súa boa vontade concedereille tres desexos. Penseos ben.

Avelino, tras cavilar uns minutos exclamou 'teñoo'.

-Verá Deus Meu Señor. Eu teño unha figueira ao lado da porta da casa. Levo anos sen poder comerlle un so froito. Novos e vellos róubanmos todos. Quero que aquel que suba non poida baixar ata que eu llo diga.
-Así será-respostou Deus.
-E tamén o pé da casa, á sombra da figueira, hai un banquiño de pedra. Como presta aquela sombra as noitiñas de verán!! Pero sempre está ocupado. Como castigo, quen sente aí que non poida erguerse ata que eu llo permita.
-Así será.
-Pero se hai algo que verdadeiramente me molesta é estar sentado nun sitio e que dun xeito ou outro acaben botándome del. Polo tanto, quero que ninguén poida levantarme de onde eu me sente.
-Así será!

E deste xeito cada un seguíu co seu rumbo. Pasaron os dias, os meses, os anos e don Avelino non fixera uso dos seus desexos. Ata que unha tarde de finais de setembro recibíu unha visita inesperada. A morte.

-Don Avelino, chegoulle a hora. Temos que marchar.
-Así, sen máis?
-Nunca oíu iso de que a morte chega sen avisar?

O home quedou uns segundos en silencio, entre desgustado e pensativo, e finalmente resolveu.

-Que lle imos facer! Polo menos déixeme unha última licencia, despedirme da familia. Mentres, se quere pode subir á figueira e coller uns figos.

A morte aceptou, pero cando quixo baixar, non puido. Pasaron meses e meses, ata que un día Avelino, canso de ver á morte, permitiulle baixar. Non contou que nuns días a morte volvese, para levalo si ou si.

-Desta vez temos que marchar don Avelino
-Déixeme que mude os zapatos, non sei eu como é aquilo do outro mundo e quero levar os zapatos dos domingos. Sentemos aquí neste banquiño para poder polos.

E alí volveou quedar a morte, como pegado a lousa, ata que don Avelino, pensando que a morte desistiría de levalo, deixouna marchar. Pero non. Volveu o día seguinte. E esta vez a morte non baixou a garda en ningún momento. Deixaron o mundo dos vivos para pasar ao dos mortos.

Trala longa travesía alí estaba don Avelino ás portas do ceo, vendo de novo a San Pedro.

-Don Avelino, vostede foi moi xeneroso e levou unha boa vida, pero todo home ten algún pecado, así que antes de entrar no ceo terá que expialos no purgatorio.
-O que!! Despois dunha vida chea de traballo non entrarei o ceo, pero aquí me sento e ninguén podrá levantarme

E sentou nun daqueles chanzos que conducía ao paraiso. Parece ser que alí continúa a día de hoxe, aínda que ninguén dos que para aló marchou volveu para contalo.

1 comentario: